jueves, 17 enero, 2019
Portada > Actualidad > Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido

Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido

Fegadace

A exposición fotográfica “Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido” da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as diferentes asociacións galegas, quere achegar á cidadanía a realidade das persoas con dano cerebral adquirido. Logo da súa estrea en Santiago, a exposición recala en Coruña, na Fundación Barrié, até o próximo dez de xuño. Día no que continuará o seu camiño pola xeografía galega.

Mediante esta exposición, a federación e as asociacións galegas de dano cerebral queren visibilizar o dano cerebral adquirido e clamar en voz alta que o DCA non é un punto e final senon un punto e seguido para unha nova vida. A exposición está acompañada tamén dun vídeo, creado por Edición Rusa, con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das asociacións. Xuntos crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral adquirido: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas… Esta peza audovisual pódese consultar na canle de FEGADACE en Youtube.

Ambos os dous materiais foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración da Fundación La Caixa.

A colección de imaxes, do fotógrafo Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro de FEGADACE. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, que amosan o seu día a día, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia… Unha maneira de abrir as súas portas e amosar á cidadanía esa vida despois do do punto e seguido que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ese punto e seguido que dende FEGADACE, din, algunhas persoas defíneno como un abismo, un cambio enorme, un tsunami. Como algo que pon todo patas arriba. Como unha ferida. O dano cerebral adquiridido é unha discapacidade que cada ano se presenta nas vidas dunhas 7.000 familias galegas, dándolle a volta a proxectos vitais, parellas, amizades ou veciñanza.

Converte a persoas traballadoras en dependentes, a parellas e familiares en coidadoras. A nenos e nenas en mestres dun pai ou unha nai que esqueceu como sumar ou como escribir. Deixa fogares que se teñen que recomponer, casas que se teñen que transformar, economías que se teñen que adaptar, relacións e roles que se teñen que reorganizar. Un puzzle para o que as familias non contan con toda a axuda que precisa.

Un ictus ou un accidente de tráfico son cuestión de segundos. Un punto e seguido para o que virá despois. Secuelas visibles e invisibles. Orgánicas, físicas, sensoriais, cognitivas, emocionais, condutuais, económicas, sociais. Pero tamén apoio, rehabilitación, novos proxectos de vida, novas relacións, novas leccións, novos gustos e intereses.

Con esta exposición fotográfica, dende FEGADACE e as cinco asociacións galegas de dano cerebral adquirido continúan coa súa labor de defensa dos intereses e a mellora da calidade de vida dos galegos e galegas con DCA. A Asociación de Dano Cerebral Adquirido de A Coruña (ADACECO) presta os seus servizos as persoas afectadas dos diferentes concellos limítrofes de A Coruña, dende Betanzos, Arteixo, Oleiros ou Ferrol entre outros. Para obter o seu obxectivo, buscan tamén visibilizar e sensibilizar á sociedade con respecto á dimensión desta discapacidade, implicar ás institucións e resolver os retos da rehabilitación, inclusión e normalización social do colectivo.

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *