martes, 4 agosto, 2020
Portada > Actualidad > O proxecto de lei de garantías de prestación sanitaria inicia o trámite parlamentario

O proxecto de lei de garantías de prestación sanitaria inicia o trámite parlamentario

symh-logo-twitterA conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, presentou o 25 de xuño no Parlamento de Galicia o Proxecto de Lei de garantías de prestación sanitaria cumprindo o compromiso adquirido coa cidadanía. Rocío Mosquera salientou que con este proxecto de Lei “queremos dar un paso máis na modernización do sistema sanitario e na súa adaptación ás necesidades actuais das persoas, que supoña un avance real nas garantías”.

A conselleira de Sanidade destacou que con este proxecto de Lei melloramos a garantía de equidade e igualdade de trato aos nosos usuarios, independentemente do lugar no que vivan e engadiu que a lei “está a subliñar o carácter do cidadán como eixo do sistema, dándolle instrumentos para a  toma de decisións”.

Rocío Mosquera destacou que a tramitación parlamentaria desta lei iniciada esta mañá permitirá que o proxecto creza en calidade “o que contribuirá que o resultado final sexa mellor”. Neste senso, Rocío Mosquera reiterou un pacto pola sanidade pública en Galicia, “penso que isto é o que nos piden os cidadáns, que cheguemos a acordos para garantir unha sanidade pública, de alta calidade nas prestacións, viable no presente e solvente no futuro”, afirmou.

Este proxecto de lei concreta as garantías no uso dos seguintes dereitos dos usuarios: dereito á obtención dunha garantía de demoras máximas na atención sanitaria; dereito á libre elección de médico de familia, pediatra e persoal de enfermaría en atención primaria e de centro hospitalario en atención especializada; dereito a obter unha segunda opinión médica; dereito a manifestar as instrucións previas; e dereito á información sobre os dereitos e deberes dos usuarios.

Priorización na espera

A lei consolida a utilización da gravidade dos procesos como criterio de xestión dos tempos de resposta, priorizando a atención ao paciente de acordo co seu estado de saúde. No marco do Parlamento de Galicia, a conselleira de Sanidade propuxo “sacar a lista de espera do debate político” e pediu que fosen os clínicos e os xestores os que se responsabilicen desta xestión “dándolles ferramentas, como as contidas nesta lei, e que esta cámara cumpra coa súa obriga de control, pero sen que a lista de espera se utilice a cotío como un látego contra o que goberna, sexa este quen sexa”.

Neste proxecto normativo incorpóranse como novidades a elevación do rango xerárquico da norma na que se establece a garantía, o que representa maior seguridade para os usuarios e a consolidación do criterio de prioridades clínicas na xestión dos tempos de espera. Tamén a diminución da demora para a asistencia en intervencións cirúrxicas, segundo as prioridades fixadas polos profesionais sanitarios, pasando de 180 a 60 días naturais e o establecemento dun tempo de demora máximo para as consultas externas e as probas diagnósticas e terapéuticas de 45 días naturais, segundo as necesidades definidas polos profesionais médicos.

Ampliación da garantía ás consultas externas e probas diagnósticas e terapéuticas e establecemento dun procedemento moito máis sinxelo que o existente mediante o que o usuario pode facer uso da garantía de demora.

Libre elección

O proxecto de Lei concreta este dereito na garantía de elección de médico de familia, pediatra e persoal de enfermaría na atención primaria e na libre elección de centro hospitalario para a realización de intervencións cirúrxicas, consultas externas ou probas diagnósticas e terapéuticas.

A libre elección, que poderá exercerse tanto na atención primaria como na especializada, impulsará a equidade e a igualdade de trato entre os usuarios e suporá un cambio organizativo importante no sistema.

As novidades máis salientables do proxecto son que amplía a liberdade de elección á pediatría e ao persoal de enfermaría en atención primaria, algo amplamente demandado polos profesionais e pola cidadanía. Tamén amplía a liberdade de elección ao centro hospitalario para un proceso novo.

Ademais, establécese o criterio do exercicio individual do dereito e establécense criterios para a asignación dos profesionais se o usuario non exercitase a elección.

Segunda opinión médica e instrucións previas

O proxecto de Lei garante o dereito dos pacientes a que, en determinados procesos, poidan solicitar unha segunda opinión médica en relación cun diagnóstico inicial ou unha proposta terapéutica.

As novidades que incorpora son que amplían os procesos aos que será aplicable, redúcense os prazos para a tramitación administrativa da solicitude da segunda opinión, e refórzase a autonomía de decisión do usuario e complementa as posibilidades de atención sanitaria.

Respecto á Garantía do dereito á manifestación de instrucións previas, o proxecto de Lei garante o dereito a manifestar libremente a vontade en relación cos coidados e tratamentos necesarios para o restablecemento da saúde nun documento para que, chegado o caso, debido ao proceso da enfermidade, non se puidera manifestar verbalmente o desexo de cada quen.

Incorpórase un novo procedemento para o exercicio do dereito á manifestación das instrucións previas, engadindo aos dous existentes (ante Notario ou ante tres testemuñas), o do outorgamento ante o persoal encargado do Rexistro. Con esta incorporación acádase o nivel existente naquelas comunidades autónomas que teñen máis desenvolvido este dereito, e facilítase o seu exercicio polos usuarios.

Información sobre dereitos e deberes

Os cidadáns deben contar coa información suficiente, accesible e da máxima calidade para exercer todos os seus dereitos. Neste senso, o proxecto de Lei trata de que os usuarios do Sistema Público de Saúde de Galicia dispoñan de información sobre os dereitos que lles asisten, os instrumentos de protección destes e a forma de exercitalos.

Neste sentido, as novidades que incorpora o proxecto son a obriga de todos os centros sanitarios de dispoñer de información clara sobre os dereitos e garantías sanitarias a favor dos usuarios e establece a elaboración dun informe anual sobre a aplicación da lei que se aprobará polo Consello da Xunta e se presentará neste Parlamento.

E créase o Rexistro de pacientes en espera de Galicia con carácter único, cuxo contido se desenvolverá regulamentariamente.

Fuente: Consellería Sanidade

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *