lunes, julio 16, 2018
Portada > Actualidad > O MGSM denuncia graves signos de deterioro na atención á saúde mental en Galicia

O MGSM denuncia graves signos de deterioro na atención á saúde mental en Galicia

O Movemento Galego de Saúde Mental(MGSM) denuncia un deterioro grave na atención ás persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo. Esta denuncia basease no informe que, en exercicio das funcións do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, realizou o Defensor del Pueblo.

O comunicado do MGSM recolle algunhas das indicacións feitas en dito informe. Constátase nese informe a vulneración de dereitos fundamentais dunhas persoas que, cómpre recordar, se atopan vivindo durante períodos moi prolongados nese espazo sanitario (é un hospital) en condicións de internamento involuntario, o que incrementa a obriga de coidado e de respecto por parte do sistema sanitario e dos seus profesionais.

Sinálase no documento a carencia xeral de recursos asistenciais para a súa adecuada atención, a súa insuficiente protección tutelar  (en especial cando a devandita función corresponde á fundación pública), cualifícanse as instalacións de obsoletas, fanse patentes inadecuadas condicións residenciais, recórdase a infradotación de profesionais sanitarios básicos como son os/as psicólogos/as clínicos/as, e chámase a atención sobre o inadecuado rexistro e documentación das actuacións e funcionamento. Só obtén unha valoración positiva a actitude do persoal asistencial.

Tamén, dun xeito que debe ser salientado, se fai referencia á utilización da contención mecánica (inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición) como castigo e á probable utilización de psicofármacos como instrumentos de suxeición química (casos de sobremedicación).

Ante todo isto, os órganos competentes da Xunta de Galicia nin tan sequera responderon ao formulado polo Defensor del Pueblo. Pola contra, á luz do informado sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo urxe revisar canto antes o estado das institucións de hospitalización psiquiátrica prolongada de Galicia (os hospitais psiquiátricos  públicos que, con diferentes nomes, aínda existen no noso país) e, por suposto, é fundamental un plan con responsabilidade definida que corrixa o denunciado polo Defensor.

Indican tamén que coincidente no tempo, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) coñeceu que nalgunhas áreas sanitarias de Galicia o ingreso de persoas con trastornos psíquicos necesitados de asistencia en Unidades de Hospitalización Psiquiátrica para procesos agudos se estaba a producir con frecuencia fóra das Unidades existentes para tal fin nos Hospitais Xerais, derivándose o seu ingreso ás Unidades de Coidados Especiais (UCE) situadas nos chamados Hospitais de Rehabilitación Psiquiátrica (é así que, por exemplo, no caso de Lugo téñense producido nos meses de abril e maio deste ano, ata catorce ingresos na UCE situada no Hospital de Calde que, ademais, carece do equipo asistencial indicado no Plan Estratéxico de Saúde Mental suspendido polo goberno do Partido Popular desde o 2009).

A causa inmediata destas actuacións é a carencia de camas por ocupación plena das Unidades de Hospitalización dos Hospitais Xerais, que é resultado á súa vez tanto da insuficiente dotación física e profesional das mesmas, como da incapacidade e infradotación dos dispositivos extrahospitalarios de saúde mental e dos recursos de apoio sociocomunitario, o que ocasiona agravamentos nos estados das persoas que acaban provocando a necesidade da  súa hospitalización.

Esa actuación dos responsables asistenciais e xestores dos centros hospitalarios do SERGAS derivando a hospitalización psiquiátrica das persoas con estados/descompensacións psíquicas agudas fóra dos Hospitais Xerais discrimina inxustamente ás persoas con padecementos psíquicos, cáusalles un dano evitable, é estigmatizante, vulnera o dereito á igualdade das persoas e constitúe unha violación flagrante do ordenado na lexislación vixente (art. 20.2 da Ley General de Sanidad; art. 10.1 do Decreto polo que se regula a Saúde Mental en Galicia)ademais de ser unha utilización ineficiente dos recursos asistenciais.

Dende o MGSM, indican que esta situación débese á desplanificación realizada desde o 2009, do incualificable abandono no noso país dos plans de reforma iniciados en España xa hai máis de trinta anos nos que aquí se está a retroceder en compoñentes fundamentais, da infradotación persistente de recursos asistenciais en Atención Primaria e en Saúde Mental, dos recortes producidos nos eidos sanitario e social, do agravamento das condicións de vida daqueles sectores sociais que xa estaban en condicións de fraxilidade antes da crise, da pasividade responsable de xestores sanitarios e xefes asistenciais ante  feitos como os aquí denunciados.

Así, o  MGSM valora esta situación como de especial gravidade, en particular para os máis vulnerables da sociedade, xa que segue un curso de deterioro progresivo, retrocede a situacións asistenciais pre-Reforma Psiquiátrica e non se adoptan decisións nin se poñen medios polo Goberno da Xunta de Galicia para cambiar esta evolución. Chama tamén a atención da cidadanía, das entidades asociativas, dos partidos políticos, dos Concellos, do Parlamento e da sociedade no seu conxunto para”atender a esta chamada de alarma e debe mobilizarse cos medios dos que dispoña polo ben e polo futuro de todas e todos nós”.

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *