domingo, agosto 19, 2018
Portada > Actualidad > O Chuac pon en marcha o programa “LEMBRA” para avisar aos acompañantes dos pacientes sobre a súa evolución

O Chuac pon en marcha o programa “LEMBRA” para avisar aos acompañantes dos pacientes sobre a súa evolución

Os servizos cirúrxicos pretenden mitigar a inquedanza dos familiares e achegados mediante SMS nos que se informa se a cirurxía segue en curso o xa rematou

As mensaxes son enviadas desde o propio ordenador do quirófano mediante a plataforma LEMBRA polo que a comunicación entre o equipo cirúrxico encargado da intervención do paciente e a familia é directa e rápida

O Hospital A Coruña acaba de implantar un novo sistema de avisos aos familiares dos pacientes que están a ser intervidos nos seus quirófanos. Trátase dunha plataforma de comunicación baseada no envío de SMS que chegan ao teléfono da persoa que o paciente ou os seus achegados designaron como contacto. O obxectivo desta iniciativa non é outro que manter informados aos acompañantes dos pacientes do curso da cirurxía, sen que teñan que estar fisicamente na sala de espera de quirófanos durante todo o tempo da intervención.

As mensaxes son enviadas desde o propio ordenador do quirófano mediante a plataforma LEMBRA, polo que a comunicación entre o equipo cirúrxico encargado da intervención do paciente e a familia é directa e rápida. O persoal autorizado para o envío só ten que introducir o número de contacto facilitado polo acompañante e escoller o tipo de mensaxe que se vai a enviar.

Hai dous tipos de mensaxes segundo a situación en que se atope a intervención. Unha, para avisar de que xa rematou: “Informámoslle de que a cirurxía finalizou e estamos a preparar a saída do paciente. Acuda á sala de espera de familiares e agarde a ser chamado polo persoal sanitario para ser informado. Grazas”. A segunda, para confirmar que se segue a operar ao paciente, emprégase nas intervencións longas ou que se prolongan máis do esperado: “Para a súa tranquilidade informámoslle que a cirurxía segue o seu curso. Ao finalizar enviarémoslle unha nova mensaxe”.

O sistema está integrado na plataforma de SMS corporativa do Servizo Galego de Saúde. Desta forma, cada mensaxe chega exclusivamente coa “firma de procedencia” do Sergas e co saúdo final de “Hospital A Coruña”.

O servizo ten como único obxectivo mellorar a atención aos usuarios e asegurar a tranquilidade de familiares ou acompañantes no Hospital A Coruña.

Desta forma os familiares ou achegados poden moverse por outras zonas do hospital, no convencemento de que serán avisados con tempo suficiente para acudir aos puntos de información. A iniciativa enmarcase dentro das medidas de humanización da atención a pacientes e acompañantes que implantou a EOXI de A Coruña.

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *