lunes, 17 junio, 2019
Portada > Actualidad > O 061 pide precaución nos desprazamentos destes días e explica normas de actuación ante un accidentado

O 061 pide precaución nos desprazamentos destes días e explica normas de actuación ante un accidentado

symh-logo-twitterUrxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na comunidade galega, quere reiterar o consello de precaución nas estradas ante o inicio, hoxe, xoves, das vacacións de Semana Santa e na que se prevé un notable incremento no número de desprazamentos por estrada ata o vindeiro domingo 31 de marzo. Os accidentes de tráfico provocan en ocasións o falecemento ou a invalidez de moitas persoas especialmente nos homes xa que constitúen o 60 por cento das persoas atendidas o pasado ano nestas datas.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 quere recordar á poboación como actuar ante un sinistro de circulación pois unha vez se ten producido un accidente é fundamental actuar correctamente para evitar aumentar o número de vítimas.

Así mesmo, a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, marcando o 061 e seguindo as indicacións orientativas transmitidas pola Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias ata a chegada dos recursos especializados. Na chamada ao 061 canto máis datos se lle dean da localización do sinistro e do estado dos feridos, máis se axudará a este servizo na súa tarefa de enviar os recursos sanitarios necesarios dependendo da gravidade do suceso.

O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender aos accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas, xa que de nada serviría aumentar o número de vítimas. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións. É importante non intervir se non se sabe como; e sempre avisar canto antes, para que acudan os servizos de emerxencia, marcando o 061.

Normas de actuación ante un accidentado

O que se debe facer antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, é aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Así mesmo, sinalizarase o accidente 200 metros antes e despois do lugar no que ocorreu. Deberase poñer roupa reflectante ou rechamante.

Outra das medidas a realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos como pode ser o desprendemento de gases, incendios, cables eléctricos, entre outros.

Unha vez valorada a situación do accidente e informado o 061, hai algunhas cousas que se poden facer para axudar no sinistro. Así, deberase achegar e actuar mantendo as medidas de seguridade.

Comprobarase o nivel de consciencia e orientación dos feridos e se estes respiran (débese ver se moven o tórax e se entra e sae aire pola boca ou nariz). En caso negativo iniciar manobras de reanimación.

Se houbera hemorraxia débese comprimir fortemente a zona. Deberase mover o menos posible ao ferido ata que chegue o persoal sanitario, manténdoo en posición cómoda e abrigado. Tamén é aconsellable manter a tranquilidade e non deixarse impresionar pola situación.

É importante lembrar que o 061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas pódense salvar se se tratan dun modo axeitado.

129 feridos e un falecido

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, durante os desprazamentos producidos polas festividades da Semana Santa do pasado ano 2012, asistiu a un total de 129 persoas debido a 89 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do venres, 4 de abril , ata as 23:59 horas do domingo, 8 de abril. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o xoves e o venres con 21 accidentes respectivamente.

A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 109 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 89 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 129 persoas.

A proporción de homes atendidos foi do 60 por cento e o da mulleres do 40. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 65 por cento dos atendidos tiña entre os 15 e os 34 anos.

Por provincias foi A Coruña a que rexistrou máis accidentes con 21 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia

Accidentes

A Coruña

36

Lugo

13

Ourense

11

Pontevedra

29

Galicia

89

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 120. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a cinco sinistros, o helicóptero asistiu a dúas persoas, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 101 accidentes, as ambulancias concertadas en dous casos, e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 10 sinistros.

En 101 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, sete persoas se trasladaron ao centro de saúde ou Punto de Atención Continuada de Atención Primaria, mentres que 20 persoas lesionadas foron atendidas no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e unha persoa faleceu no lugar do sinistro.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *