lunes, julio 16, 2018
Portada > Actualidad > O 061 de Galicia aconsella precaución co alcohol, a conducción e o lume na noite de San Xoan

O 061 de Galicia aconsella precaución co alcohol, a conducción e o lume na noite de San Xoan

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina as urxencias e emerxencias sanitarias na comunidade galega, recomenda ter precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración da Noite de San Xoán.

Un ano máis, a Central de Coordinación do 061 reforza o seu persoal na franxa horaria que ten lugar esta celebración ante o incremento da demanda sanitaria. Así, as intoxicacións etílicas ou por drogas, os accidentes de tráfico, as queimaduras, as alteracións da consciencia, as caídas e mareos, e as lesións producidas no entorno das cacharelas constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia sanitaria.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 considera imprescindible transmitir á cidadanía os seguintes consellos de prevención durante a celebración desta festividade.

En primeiro lugar, as tradicionais fogueiras supoñen un compoñente de perigo tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. Por iso, é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes.

Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez prendido o lume se debe evitar que os nenos se acheguen as fogueiras e extremar as precaucións se se achegan ao lume.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aconsella situarse de costas á dirección do vento, evitando que as chamas e o fume se dirixan cara vostede, para non sufrir as lesións causadas polo lume e por inhalación de fumes, especialmente se sofre dalgunha patoloxía respiratoria.

Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas e utilizar preferiblemente as de algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que as apaguen. Tírese ao chan e revólquese ou quede quedo mentres as apagan.

Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, é útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.

Tamén é importante non realizar desprazamentos en automóbil no caso de consumir alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.

San Xoán 2017

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na noite de San Xoán do pasado ano 79 intoxicacións, oito accidentes de tráfico con nove persoas implicadas e oito queimaduras provocadas polas fogueiras. O período contabilizado foi desde as 18.00 horas do venres 23 de xuño ata as 08.00 horas do sábado 24 de xuño. O 061 asistiu ademais a 21 persoas por alteracións da consciencia, caídas e mareos, e lesións producidas no entorno das cacharelas.

Pontevedra con 38 intoxicacións etílicas ou por drogas foi a provincia que rexistrou o maior número de atencións, seguida da Coruña con 36 e Lugo con catro. A idade rexistrada nestes casos alcanzou o pico de atención entre os 15 e os 24 anos, que supoñen o 60 por cento das persoas atendidas por esta patoloxía. Para asistir ás 79 intoxicacións, o 061 de Galicia desprazou tres ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado e mobilizou en 56 ocasións as ambulancias asistenciais de soporte vital básico ou convencionais. Das 79 persoas atendidas, 28 foron trasladadas a centros hospitalarios, 10 a centros de saúde e o resto non requiriron traslado ou recibiron asistencia sanitaria nos dispositivos dispostos nas praias.

As queimaduras atendidas polo 061 en toda a comunidade galega foron oito. Todas na provincia da Coruña. As idades das persoas afectadas sitúanse entre cinco e 34 anos, sendo cinco homes e catro mulleres. Do total dos pacientes, tres precisaron traslado a un centro hospitalario.

No caso dos accidentes de tráfico, asistíronse nove persoas en oito accidentes de tráfico.  Pontevedra rexistrou seis accidentes e A Coruña dous. Catro dos atendidos eran menores de 19 anos. Para asistir ás nove persoas implicadas, o 061 mobilizou tres ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, un helicóptero medicalizado, 14 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e nunha ocasión mobilizouse o médico de atención primaria. Do total de atendidos, sete foron trasladados a un centro hospitalario e dous foron asistidos no punto do sinistro.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *