miércoles, 22 mayo, 2019
Portada > Actualidad > Galicia convértese en rexión de referencia no proxecto europeo de envellecemento activo e saudable

Galicia convértese en rexión de referencia no proxecto europeo de envellecemento activo e saudable

symh-logo-twitterGalicia vén de participar na Cerimonia de Estrelas das Rexións de Referencia (Reference Sites Star Ceremony) celebrada en Bruxelas no marco da European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA). A candidatura galega foi cualificada con dúas estrelas, sendo a  puntuación máis alta tres estrelas. A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, e a directora xeral de Innovación e xestión da Saúde Pública, Sonia Martínez Arca, representaron a candidatura galega no foro de Bruxelas. Galicia foi a única comunidade autónoma española que recibiu, ademais, unha das cinco mencións de honra que se outorgaron, pola nosa historia clínica electrónica.

A participación de Galicia neste grupo europeo sobre envellecemento activo (EIP on AHA) permite acadar a triple meta da iniciativa: mellorar a calidade de vida dos maiores europeos; facer máis sostible o sistema sanitario e de benestar; e facer que o sector saúde sexa un motor da economía. Neste foro, os expertos involucrados nas diferentes áreas do envellecemento activo e saudable expoñen os seus coñecementos para intercambiar boas prácticas e afondar no xeito de obter o máximo proveito dos plans de acción implantados ao respecto nas distintas rexións.

Ademais esta candidatura permitirá asumir un papel activo nas iniciativas da Estratexia Económica Europa 2020 que formula como obxectivos para o ano 2020: emprego para o 75% das persoas de 20 a 64 anos; e inversión do 3% do PIB da UE en I+D.

Contido da candidatura galega

Galicia convértese en rexión de referencia en Europa en envellecemento activo e saudable grazas a que o seu servizo de saúde, posicionando os pacientes e cidadáns no centro do sistema, é líder na utilización de tecnoloxías. Son exemplos disto, a historia clínica e a e-receita, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, o Consello Asesor do paciente e a Plataforma de Innovación en Saúde. O sistema de benestar galego ten experiencias concretas na utilización de novas tecnoloxías para facilitar e garantir a calidade de vida dos maiores.

En concreto, os eixos da candidatura galega como rexión de referencia son a implantación da historia clínica electrónica e a e-receita. Estes dous elementos conxuntamente, permiten aos médicos dos centros de saúde reorientar a demanda, diminuír as visitas administrativas e adoptar actuacións dirixidas a pacientes crónicos, polimedicados e institucionalizados. Ademais dan soporte a toda a actividade asistencial e garanten a súa continuidade, xa que por unha banda facilitan o cambio de organización cara a un modelo que integre nunha única xerencia os dous niveis de atención, primaria e especializada, e por outra, pronto permitirán integrar o módulo de historia social da Consellería de Traballo e Benestar. Todo isto, xunto coa ampla rede de centros de atención primaria distribuídos pola xeografía galega (preto de 500) facilita a accesibilidade, a principal característica do sistema sanitario galego.

Outro dos eixos é o maior protagonismo para a cidadanía a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, orientada á formación de pacientes, familias e cidadáns nos seus procesos de saúde e enfermidade, o Consello Asesor do Paciente, órgano pioneiro e de referencia en España que posibilita establecer un circuíto accesible e directo para que os cidadáns fagan chegar á Administración as súas necesidades, inquedanzas e solicitudes de información e a Plataforma de innovación iniciativa que ten como obxectivo xestionar as ideas de mellora que formulan os usuarios, seguindo un modelo de innovación aberta. Invita á participación non só dos profesionais, dos cidadáns e dos pacientes, senón tamén de universidades, centros tecnolóxicos e empresas na construción do sector sanitario galego.

O terceiro dos grandes eixos para a candidatura son a utilización de fondos estruturais para o financiamento de proxectos de innovación en saúde, poñendo como exemplo a implantación da Historia Clínica Electrónica, os programas FEDER H2050 e Innova-Saúde e a progresiva incorporación de quince novos centros de atención primaria.

+ información na páxina web www.sergas.es

Fuente: Gabinete Comunicación Consellería Sanidade

 

 

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE SANIDADE

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *