miércoles, 19 septiembre, 2018
Portada > Actualidad > 324 badaladas pola prevención do suicidio

324 badaladas pola prevención do suicidio

Hoxe, 10 de setembro, realizaranse actos en todo o mundo por iniciativa da Asociación Mundial para a Prevención do Suicidio e da Organización Mundial da Saúde con motivo do Día Mundial pola Prevención do Suicidio. 

En Galicia, o Movemento Galego da Saúde Mental convoca a toda a cidadanía a participar no acto que se realizará en Santiago ás 8 da tarde na Praza de Praterías. Levarán a cabo o acto simbólico das Badaladas pola Prevención do Suicidio. 324 badaladas polos 324 suicidios ocorridos en Galicia no ano 2017. O obxectivo é informar, sensibilizar, confrontar o estigma, recordar e reivindicar compromiso, en especial dos gobernos, coa prevención.

Con motivo do Día Mundial pola prevención do Suicidio, o Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM), emitiu un comunicado no que insta á Xunta de Galicia a dotar de recursos, humanos e ecónomicos, Plan de Prevención do Suicidio para Galicia. Un plan, que sinalan, naceu hai un ano e “así continua, sen compromisos de execución, sen responsables da súa materialización, sen dotacións económicas nin profesionais, sen prazos, sen concrecións de actuación. Un Plan de papel. Foi un ano sen accións significativas de prevención como para que merezan tal nome, continuándose tan só coas escasas actuacións que xa se viñan desenvolvendo na actividade ordinaria do SERGAS”. Engaden, ademáis, que “neste tempo tivemos que denunciar en dúas ocasións as mortes de persoas por esta causa en espazos sanitarios, nos que constatamos que nin nestes lugares se implantaran programas e protocolos de prevención”. 

A taxa de mortaldade en Galicia por suicidio no ano pasado sitúase en case 12 persoas (11,9) cada 100.000 habitantes. Seguimos a case unha morte diaria por esta causa. Dende o MGSM califican de “desesperante a desidia dos responsables da saúde da nosa comunidade”. “É indignante a utilización política e propagandística que fixeron do que debera ser un plan de protección da saúde e da vida”. Esixen por tanto “o cumprimento das obrigas que a Xunta ten coa prevención”.

Neste senso inclúen tamén á cidadanía en xeral, asumindo o compromiso coa prevención do suicidio: “confrontando o estigma, dando visibilidade a unha causa de morte con efectos tan graves, apoiando a quen se atopa en condición máis vulnerable, construíndo unha sociedade máis xusta e solidaria”. 

Así, o Día Mundial pola Prevención de Suicidio din, “ha de ser un día de sentimento por mortes evitables, denuncia da pasividade dos gobernantes e reivindicación de medios, accións e compromisos”

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *